Wednesday 15 de May de 2024

A Deputación levará a Fitur a marca da Provincia da Coruña como destino de Turismo Industrial


Será o presidente Diego Calvo o que realice a presentación en FITUR ante os axentes do sector turístico nacional e internacional e os medios de comunicación

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, presentou esta mañá en rolda de prensa as propostas que a institución provincial levará o mércores a Fitur, que pasan polo “estreo” dun vídeo sobre todo o patrimonio da Deputación, a marca Provincia da Coruña como destino de Turismo Industrial e unha completa guía de promoción do Camiño Inglés.

Durante a súa intervención, Calvo explicou que baixo a marca da Provincia da Coruña como destino de Turismo Industrial preténdese integrar todas as actividades, patrimonio e negocios relacionados con este novo xeito de turismo cultural, formulado co obxectivo de atraer un maior número de viaxeiros á provincia porque, segundo o titular provincial, “existe unha demanda real para unha oferta real que pode servir de revulsivo económico para os territorios onde se implante”.

Neste sentido, Calvo lembrou que a Deputación da Coruña ten asinado un acordo coa Escuela de Organización Industrial do Ministerio de Industria para a implantación dunha rede de empresas que se poidan sumar ao proxecto. “E así, todos xuntos conseguiremos converter a provincia en destino líder deste novo xeito de facer turismo”, puntualizou o presidente, que insistiu nos beneficios do Turismo Industrial como un modo de viaxar que “axuda a reforzar a identidade dos destinos, fomenta a conservación do patrimonio, desestacionaliza o turismo e favorece o desenrolo local”.

Ademais, durante a rolda de prensa proxectouse un vídeo editado pola Deputación que recolle todos os elementos patrimoniais da súa titularidade. “É o noso deber poñer en valor todo o que temos e que estamos a coidar e protexer, pero tamén é a nosa obriga mostralo”, apuntou Calvo, e por iso, elaborouse este traballo con versións curtas e estendida de cada un dos monumentos da Deputación.

Camiño Inglés
A terceira das propostas que a Deputación levará esta semana a Fitur será unha extensa guía, editada en castelán e inglés, sobre o Camiño Inglés na que cabe dende información práctica ata anécdotas e lendas dos territorios polos que discorre esta ruta. “Somos o único territorio que aglutina integramente unha ruta milenaria de peregrinación a Santiago”, aseverou o presidente provincial, que lembrou que na nosa provincia existe tamén a ruta Fisterra-Muxía. Así mesmo, agradeceu aos autores, colaboradores e, especialmente a Tesouros de Galicia a súa participación na guía.

Porque o libro recolle máis de 60 artigos firmados por outros tantos expertos en diferentes materias como poden ser a historia, a economía, a gastronomía, a arqueoloxía… Trátase, en definitiva, dunha guía “diferente ás que estamos afeitos”, xa que conta con información práctica para o peregrino pero que tamén inclúe outras cuestións de interese como poden ser as orixes do Camiño, as relacións económicas entre Galicia e o Reino Unido ou as tradicións, costumes e festas dos concellos por onde discorre o traxecto.

Actividades no dolmen do Dombate
O presidente da Deputación estivo acompañado na rolda de prensa polo alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, que acudiu á sede provincial a presentar unha serie de actividades que organizará o seu Concello no dolmen de Dombate, propiedade da Deputación da Coruña.

Entre outras propostas, falou da organización de contacontos, visitas guiadas para profesores e educadores da provincia ou unha carreira ciclista pola contorna do monumento megalítico.

Outra das iniciativas que terá lugar durante este ano no dolmen, xestionado polo Concello a través dun convenio coa Deputación, é o obradoiro de pedra que xa tivo lugar o ano pasado cun grande éxito de participación.